viernes, 21 de junio de 2013

Estrea de "A CHOCOLATEIRA"




Proxectouse na Deputación o documental sobre A Chocolateira, o único tren mineiro que existiu en Galiza

Mario Outeiro e Xosé Reigosa
O salón de actos da Deputación de Lugo acolleu, esta tarde, a proxección do documental “A Chocolateira”, unha peza audiovisual realizada por Xosé Reigosa que versa sobre o único ferrocarril mineiro que existiu en Galiza, construído para transportar o carbón que se extraía das minas de Villaodrid (actualmente A Pontenova), e levalo a Ribadeo, onde era cargado en barcos que o trasladaban a diversos lugares de Europa.  

O delegado de Cultura e Turismo da institución provincial, o nacionalista Mario Outeiro, que asistiu á proxección, explicou que “este documental é un proxecto que, comezando na boca da mina, fai un percorrido ao longo da vía entrevistando a 22 persoas que contan as súas experiencias en torno ao tren, ata chegar ao cargadeiro de Ribadeo”.  

A Chocolateira, como popularmente se coñece este tren, entrou en funcionamento en abril de 1903 como transporte de mineral, e no ano 1905 habilítase tamén para viaxeiros e mercadorías, facendo de vía de comunicación ao longo de 34 quilómetros, catro estacións, dous apeadeiros, cinco pontes, e trece túneles, dos que a día de hoxe, practicamente, só quedan vestixios, nunha zona na que o único medio de transporte era o cabalo, o carro ou a barca polo río Eo, xa que a estrada Lugo-Vegadeo non se inauguraría ata 1922.  

Neste senso, Outeiro afirmou que “con esta proxección preténdese destacar sobre todo o aspecto humano e a influencia na vida social e económica da zona que tivo este ferrocarril. A Chocolateira foi todo un revulsivo para a industria local, posto que serviu como medio de transporte de persoas, madeira, carbón e animais, entre outros, e xerou medio cento de empregos. En definitiva, supuxo unha fonte de riqueza moi importante para a comarca na súa época”.  

Mario Outeiro e Xosé Reigosa
A explotación mineira deixou de funcionar no ano 1932 pero o ferrocarril continuou activo, chegando a haber ata cinco trens ao día, ata 1964, ano a partir do cal se comeza a desmantelar a vía, as máquinas e demais infraestruturas coma os fornos de Bousollo, que dos dous que había só queda un en pé, ou o túnel do Fornacho, totalmente destruído.

“Algunhas desas construcións consérvanse, como é o caso do Cargadeiro de mineral en Ribadeo, que anos despois do feche ferroviario se restaurou e hoxe en día é un reclamo turístico máis da vila mariñá, a Estación de Villaodrid, convertida na oficina de turismo de A Pontenova, ou a Ponte Rego da Viña, que pasa pola Nacional 642 á altura do quilómetro 5. Un conxunto de enclaves que a día de hoxe recordan a existencia e o paso do ferrocarril A Chocolateira entre A Pontenova e Ribadeo e configuran unha parte esencial do Patrimonio Histórico da comarca”, concluíu o delegado.



Mais fotos
 Con Santiago Catalán
 DVD editado


Público asistente











No hay comentarios:

Publicar un comentario